ESTAMPA MOSCOVITA
Un día na invernal Rusia, ía eu camiñando, pensando nas miñas cousas, cando sen darme conta, acabei na outra punta da cidade, concretamente nun dos barrios marxinais da urbe. Alí vin a uns cativos xogando coa neve moi felices, nun parque no cal as atraccións estaban enferruxadas, con pintadas ou simplemente non se podian utilizar porque estaban avariadas.
Eu, mirando para eles, non me decatara de que unha fría bóla de neve viña cara á miña testa. Non me esperaba esa bóla tan fría e dura, a verdade.... Mirei para atrás para poder ver quen ma lanzara e fora un cativo pequeno que agora se escondía morto da vergoña. Achegueime para velo e tiña as meixelas vermellas. Non sei se foi culpa do frío ou da vergoña. Era baixo, un pouco cabezudo; tiña o pelo loiro e curto, os ollos castaños e o nariz respingón. Dixenlle que non pasaba nada e que podía seguir xogando. No retorno ao fogar fixeime nesa zona da cidade, para min até agora descoñecida: unha estación ferroviaria vella chea de pintadas e pola que rara vez pasaba algún tren, unhas casas decrépitas coas ventás tapiadas con táboas de madeira podre por culpa das xeadas, algún que outro sen-teito morrendo de frío buscando un acubillo para a invernal noite.... Era, sen dúbida, unha paisaxe dura de ver.
Saín dese barrio e o contraste era tremendo. Nunca antes me dera conta. Parques perfectamente coidados, edificios novos. Todo impoluto. Semellaba ser perfecta Moscova, pero non o era.
Víctor Cabarcos Val
3º PDC
1º premio de relato no Concurso da A. C. “Os Matos”
Catergoría 2º ciclo
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.